6. Metodoloxía.

A metodoloxía deberá facer fincapé nos coñecementos adquiridos previamente polo profesorado e o alumnado e a partir destes ampliar con outros novos, tendo sempre en conta o principio de actividade no que o discente é protagonista do proceso de ensino-aprendizaxe.
Como resumo, os principios que deberían rexer a metodoloxía aplicable poderían ser:
- Flexibilidade en canto ós aspectos organizativos de espazos, tempos e agrupamento.
- A actividade do alumnado entendida nun dobre sentido: por unha banda a aprendizaxe ten que ser autónoma e ten que facer sentirse ó alumnado protagonista da mesma, pola outra ten que ser activa onde non só se poñan en funcionamento aspectos cognitivos, se non tamén aspectos motóricos e manipulativos, rompendo así a aparente oposición entre xogo e traballo.
- Utilización óptima dos recursos dos que dispón o centro relacionados coas TICs.
- Progresiva globalización e integración das áreas. Tratamento interdisciplinar dos contidos comúns.

Por este motivo a metodoloxía elixida consiste en simultanear a formación do profesorado, que ha de ser eminentemente práctica, co desenvolvemento de actividades con uso das TICs nas aulas, e co constante apoio e asesoramento do coordinador, do resto do grupo e da Rede TICs formada pola Consellería. É fundamental, pois, partir dun nivel de coñecementos baixo e facer unha reunión quincenal de apoio para manter a implicación de todo o profesorado participante e detectar as necesidades menores de formación.
Pretendemos que o traballo coas TICs repercuta en todo o alumnado do centro, e de maneira moi especial naqueles con necesidades educativas especiais.
Tendo en conta a alta participación do profesorado no proxecto, conseguiríamos que, a través dunhas e outras materias, os alumnos adquiran soltura no manexo das TICs para buscar información, fortalecer a expresión escrita, comunicarse con outros alumnos, crear contidos, etc…
Este documento pretende ser práctico e polo tanto pretende se-lo borrador que se presente ante a comunidade escolar (Claustro e Consello Escolar) para que sexa aprobado durante este curso.